sábado, 17 de septiembre de 2011

Novo Modelo. A Asamblea Nacional de Bangladesh. জাতীয় সংসদ ভবন




A Asamblea Nacional de Blangladesh, oficialmente Jatiya Shangshad Bhaban, é un dos parlamentos máis grandes e singulares de todo o mundo. Está situado nunha extensa zona verde no medio da bulliciosa e superpoboada Dhaka, a capital de Bangladesh. O edificio do parlamento está situado no centro dun lago e rodeado de diferentes dependencias e edificios oficiais, conformando o conxunto un verde remanso de paz no medio do caos da megalópole bengalí.


Todo o complexo foi deseñado polo maxistral arquitecto norteamericano Louis Khan coa asistencia de Muzharul Islam e comezouse a construir no ano 1961 co propósito de servir de sede gubernamental de Pakistán Oeste e Pakistán Este. Pero a historia quixo que pasasen varias décadas e unha guerra para que o edificio fose rematado e finalmente albergase o goberno dunha nación. Foi en febreiro de 1982 cando se celebrou a primeira sesión parlamentaria dentro dos seus muros, rematados en xaneiro dese mesmo ano, para o goberno da nova nación de Bangladesh.

O edificio, de un gran impacto visual, con altos muros de formigón festoneados de mármore branco (un pequeno truco de deseño pensado para ocultar as xuntas de formigonado) e con grandes aberturas xeométricas a modo de grandes pórticos, destaca pola súa magnitude e intencionado contraste cos edificios que o rodean, construidos en ladrillo visto. A pesar do impoñente tamaño o conxunto resulta treméndamente armónico e parece flotar serenamente sobre o lago que o rodea.


O edificio principal esta acompañado e precedido por dúas prazas elevadas, unha ao norte e outra ao sur. A praza norte, ou Praza Presidencial, está pensada para actos oficiais, protocolarios e recepción de mandatarios, aloxando tamén outras dependencias. A praza sur, moito máis grande, fai de entrada principal para o público, incluso para o uso cotiá dos propios parlamentarios, albergando baixo ela distintas dependencias técnicas, almacéns, e un gran garaxe para o uso dos funcionarios e traballadores do parlamento.

O corpo central, máis alto e destacado, alberga o hemiciclo do parlamento, e esta rodeado por 8 corpos diferentes nos que se aloxan as diferentes dependencias gubernamentais. Destaca o situado ao sur, que acolle no seu interior unha sala para a oración e que se atopa lixeiramente desviado do eixo do edificio principal para orientar a correctamente os muros cara a Meca. 



O ciclópeo aspecto exterior contrasta co sorprendente xogo que fai a luz no interior do edificio, no que a luz natural xoga un papel fundamental creando diferentes ambientes e contrastes sobre os muros de formigón e mármore branco coa característica traza xeométrica de Khan.





O modelo comprende tanto o edificio principal, como as dúas prazas anexas das que falaba, e a correspondente adaptación do terreno para axustalo á orografia representada en Google Earth.


Intentei coidar os detalles máis característicos do edificio, ainda que ao ser un edificio "semi-aberto" nalgunhas zonas, tiven que decidir nalgún momento ata que punto modelaba partes que xa serían interiores, ainda que non existise unha separación física do exterior. De calquera xeito penso que o resultado é satisfactorio, e a pesar da magnitude do mesmo e a súa complexidade non ocupa mais de 2Mb en Google Earth.

Agora, é como ven sendo habitual, déixovos unhas cantas imaxes das do modelo:














E aquí remato ésta longa entrada, non sen antes dicir que éste modelo vai dedicado a alguén moi especial que agora vive en Dhaka... ísto é para ti Antonciño! ;)

Espero que vos guste.

Saudos.


Anxo


p.d: 8888 visitas!!! iepaaa!!! :D

2 comentarios:

ΜΑΝ ΠΑΝ dijo...

Incredible structure, Unbelievable model!

Antón dijo...

Primeira vez que me dedican un modelo en 3D. Estou impresionado. :-)))))